24 de enero de 2010

X Mostra Teatro Clásico Lugo

Do 31 de xaneiro ó 7 de febreiro de 2010 ás 20:30 h. no Auditorio Municipal Gustavo Freire

Domingo 31 de xaneiro:
COMPAÑÍA NACIONAL DE TEATRO CLÁSICO: ¿DE CUANDO ACÁ NOS VINO?
DE LOPE DE VEGA
Dirección: Rafael Rodríguez
Intérpretes: Ernesto Arias, Diego Toucedo, David Lázaro, David Lorente, David Buceta,
Joaquín Notario, Pedro Almagro, José Luis Santos, Miguel Cubero, Alejandro Saá, Pepa Pedroche, Eva Rufo, Toni Misó, Isabel Rodes
Publicada por primeira vez na Parte veinticuatro das comedias de El Fénix de España, parece que ¿De cuando acá nos vino? foi representada por Valdés en 1615 na casa de comedias de Toledo. Consérvase un manuscrito de Lope, incompleto, na Biblioteca Nacional; a vida editorial e escénica do texto foi complexa, pois sufriu engadidos, recortes e equívocos procedentes de mans
diversas que evidencian o interese de cómicos e editores por esta divertida e suxestiva comedia. Debeu resultar inspiradora a través dos tempos, tanto para outros dramaturgos coma Moreto –que a refundiu nunha das súas comedias máis populares, De fuera vendrá– como para outros xéneros, xa que foi adaptada en pleno século XX para crear a zarzuela El hijo fingido, con música do maestro Rodrigo e libreto de Jesús María de Arozamena e Victoria Kamhi.
Unha obra do seu tempo que intenta contarnos no noso aquel Madrid de entreguerras ó que chegaban os soldados, procedentes dos terzos de Flandres, á procura de favores e aventuras. Unha linguaxe belísima, enredos domésticos, capa e espada nunha corte inzada de soldadesca capaz de saltar calquera regra con tal de medrar ou, sinxelamente, de sobrevivir, e o amor, inesperado, choutando coma unha chareta que incendia ó seu paso todo o que atopa. Lope
en estado puro, así que déixense atrapar, é a opción máis pracenteira.
Todo Flandres, Italia e Francia. As Indias. Un pretendente de aliende el mar, e outro aragonés. Un pai alemán fuxido da Corte. Mouriscos e xudeus, cristianizados a por de Inquisición. Soldados, tabernas, malandríns e matóns.

Conventos, oficios, cortesáns, músicos e representantes. Madrid de “mentideros” e moscóns. Casas de pousadas e xentes de Corte. Onde ninguén se acorda máis ca do seu propio negocio: a prata para uns, o recoñecemento social para outros...

Luns 1 de febreiro
RAFAEL ÁLVAREZ “EL BRUJO”: EL EVANGELIO DE SAN JUAN
Texto e Dirección: Rafael Álvarez
Intérprete: Rafael Álvarez
El Evangelio de San Juan é o título do espectáculo que pecha unha triloxía que compón xunto con San Francisco, juglar de Dios e Los misterios del Quijote.
Os tres espectáculos baséanse en antigas técnicas de transmisión e narración oral. O humor é unha nota dominante neles. Versan sobre temas que deixaron unha forte pegada na memoria e na imaxinación colectiva.
Nútrense por igual da ‘tradición da palabra’, por dicilo así, insisten de xeito especial na forza viva da palabra falada fronte á tradición da palabra escrita e o seu ascendente no teatro. Así mesmo, a confrontación (e ás veces a interconexión ou mesmo a síntese) destas dúas tradicións e o reflexo dos seus contidos na imaxinación popular (na forma de contos, lendas e outros temas obxecto da arte dos antigos xograres) é tamén un factor común a eles. O estudo da obra de Dario Fo, teórica e práctica –especialmente a posta en escena de San Francisco, juglar de Dios– exerceu unha influencia decisiva e moi visible no desenvolvemento destes traballos e na súa visión conxunta como triloxía.
El Evangelio de San Juan péchaa e complétaa cun tema fascinante que afonda as súas raíces nas máis antigas tradicións orais do Mediterráneo. Este espectáculo inscríbese no ámbito propio da xograría, co humor, a vitalidade e o ritmo propios da comedia, pero asemade, coma en San Francisco, juglar de Dios, cunha forte carga poética, neste caso ineludible, pola linguaxe propia do texto e a tenrura e simbolismo dalgunha das súas situacións.
A través das rutas de Palestina, o home-Xesús, pouco a pouco, revélase a si mesmo. Ó final do traxecto en Xerusalén a hora da súa morte consuma de xeito completo o proceso. O pobo observa o espectáculo...

Mércores 3 de febreiro
TEATRO CORSARIO: EL CABALLERO DE OLMEDO
DE LOPE DE VEGA
Dirección: Fernando Urdiales
Intérpretes: Borja Zomorano, Rosa Manzano, Luis Miguel García, Verónica Ronda, Patricia
del Amo, Rubén Pérez, Borja Semprún, Julio Lázaro, Jesús Peña.
El Caballero de Olmedo de Lope de Vega é o novo espectáculo de Teatro Corsario, compañía que recibiu recentemente, entre outras distincións, o Premio ADE (Asociación de Directores de Escena) pola súa contribución ó teatro clásico.
Coma noutras obras dramáticas, Lope parte das historias que canta, conta ou baila o pobo. A principios do século XV, un fidalgo da vila de Olmedo foi asasinado no camiño de Medina a Olmedo. O suceso recolleuse nun romance que deu lugar a un baile e despois sufriu sucesivas transformacións.
O traslado da Corte a Valladolid (1601-1606) propiciou que nesta cidade se aveciñaran nobres, altos cargos eclesiásticos, burgueses e, ó seu abeiro, escritores, pintores, arquitectos... Lope debeu coñecer a copla, o baile ou o romance a través da difusión que tivo desde esta cidade.
A extraordinaria elaboración dramática e a eficaz combinación dos ingredientes que Lope utiliza (tradición, folclore, comedia e traxedia) fan de El caballero de Olmedo unha obra mestra.
Don Alonso, nobre cabaleiro de Olmedo, namorouse na feira de Medina da fermosa Dona Inés e, por medio da alcaiota Fabia, comunícalle o seu amor. Pola súa banda, Don Rodrigo pide Dona Inés en matrimonio, e Don Fernando a súa irmá Dona Leonor. Para evitar este casamento Dona Inés, namorada de Don Alonso, finxe diante de seu pai o desexo de ser monxa. Nisto o rei Don Juan chega a Medina e organízanse grandes festexos na súa honra. Nas sortes de touros lócese Don Alonso, que lle salva a vida a Don Rodrigo, o seu celoso rival. De volta para Olmedo oe unha copla que anticipa o seu destino. Don Rodrigo e Don Fernando asasínano. O que foi o seu gracioso criado, Tello, pídelle xustiza ó rei.

Xoves 4 de febreiro
UR TEATRO: EL SUEÑO DE UNA NOCHE DE VERANO
DE WILLIAM SHAKESPEARE
Versión e Dirección: Helena Pimenta
Intérpretes: José Tomé, Ana Pimenta, Pilar Gómez, Jorge Muñoz, Celia Pérez, Jorge Basanta
O noso Sueño é unha lectura contemporánea da comedia de Shakespeare na que o amor, a través das súas diversas manifestacións, é o verdadeiro protagonista: amor que libera, encadea, impulsa, anula, redime, destrúe, idealiza e humilla.
Guiados polos seus dardos, os personaxes intérnanse na fraga onde impera outra orde, a da natureza, a dos propios instintos, tan loucos coma o mundo.
A fraga, a noite, a lúa... elementos abondo para que o real e o ficticio se entrelacen, para que se una o posible ó infinito, para que a vexetación viva e os nosos personaxes solten a rédea das súas paixóns, das fantasías que van máis aló do que a razón pode percibir.
Coma eles, mergullarémonos nun torrente de cousas inexplicables que ás veces non nos cumprirá explicar. Outras veces intentaremos explicalo todo, e a nosa razón reclamaría un filtro que nos proporcionase a resposta. Outras, mesmo sen filtro, recoñeceremos as loucuras dos humanos como unha cousa razoablemente explicable, porque as vivimos ou as vimos.
Non poderemos facer nada ata que os trasnos decidan liberarnos, desenmeigarnos.
E volveremos á nosa querida realidade coa dúbida melopeica de que hai outras realidades. Algúns atreveranse a esperar que a melopea dure abondo para lembrarmos que nos queda a posibilidade de transformarnos, de vivirmos a outredade, que non é tan difícil, aínda que nalgúns intres necesitemos unha axudiña, ó que os trasnos sempre están dispostos.
“Grazas a aquela noite foilles posible evadírense de si mesmos. Eran auténticos nos seus soños, libres da mentira e da suxeición”.

Sábado 6 de febreiro
DAREK TEATRO: EL MERCADER DE VENECIA
DE WILLIAM SHAKESPEARE (versión de Rafael Pérez Sierra)
Dirección: Denis Rafter
Reparto: Compañía de Fernando Conde, con Juan Gea, Natalia Millán, Luis Rallo, Jorge Lucas, Camilo Rodríguez, Luz Nicolás, Carlos Moreno, Dritan Biba, Ángel García Suárez, Ruth Salas, Carlos Ibarra, David Fernández e a colaboración de José Hervás
O Mercador de Venecia é unha obra complicada na que Shakespeare nos conta varias historias a un tempo: o enigma dos cofres na casa de Porcia en Belmonte, as circunstancias de Lancelot o bufón, o amor entre Yesica, a mociña xudía, e Lorenzo, o amor entre Antonio e Bassanio e o odio profundo entre Shylock e Antonio. A obra contén unha mestura de traxedia e comedia. Como director, quixera evitar que dominase o odio.
Porque o odio está presente. Coma na vida: sempre hai unha loita entre o ben e o mal, o amor e o odio, o pracer e o sufrimento. Máis ca nada, Shakespeare é un contacontos.
Querémolo explicar así, como unha historia. Non buscamos o racismo nin as relacións amorosas entre uns e outros. Shakespeare está por riba destes “detalles”. Shakespeare é máis ca nada humano. A súa grandeza reside na súa grande elocuencia poética, na súa estrutura teatral e no seu entendemento do ser humano.
Na nosa obra tentamos amosar a humanidade entre os personaxes: Shylock ama a súa filla Yesica, non pode ser doutro xeito. Antonio quérelle a Bassanio e a sexualidade non importa. Yesica e Lorenzo están tan namorados coma Romeo e Xulieta, e o seu amor fainos sentir ledicia por eles, pola súa felicidade. Lancelot quérelle a seu pai, medio cego, Gobo, e non debemos buscar máis ca isto na súa escena. Os mercadores de Venecia queren facer negocios, gañar cartos, e son
coma os banqueiros de hoxe.
Os cofres non son reais, ou se cadra si, son reais e nós non somos reais. En fin, todo é un xogo. Todo o mundo é un escenario. Pero que bonito é saír a un escenario, divertir, disfrazar e contar hist orias de amor e de odio. E á fin e ó cabo,
explicamos algo serio, filosófico e importante: o amor xera amor, o odio xera odio, e non importa a raza nin a relixión.

Domingo 7 de febreiro
NAO D’AMORES TEATRO: MISTERIO DEL CRISTO DE LOS GASCONES
Dramaturxia e Dirección: Ana Zamora
Interpretación e Manipulación Do Cristo: Elvira Cuadrupani, David Faraco/Juan Pedro Schwartz, Alejandro Sigüenza, Nati Vera
Nao d’amores, compañía de consolidada experiencia no repertorio dramático renacentista, fai gora unha inmersión no apaixonante mundo do teatro primitivo desde unha visión absolutamente contemporánea. Trátase da recreación libre da cerimonia litúrxica que se debeu celebrar na Igrexa de San Xusto, en Segovia.
O único que se conserva como testemuño daquela celebración é o Cristo dos Gascóns, unha curiosa escultura románica en madeira policromada e cos brazos articulados, que probablemente se penduraba da bóveda do presbiterio, onde aínda son visibles os furados que servían para colgar a figura.
A través dunha dramaturxia realizada a partir de textos do século XV (Gómez Manrique, Frei Íñigo de Mendoza, Diego de San Pedro, Alonso del Campo...), e construída sobre unha estrutura musical interpretada en directo, na que se compaxina a música litúrxica coa profana (Cancioneiros de Segovia, de Montecassino, de Uppsala, Cancionero Musical de Palacio, fragmentos dunha misa de F. de Peñalosa e as Paixóns de J. Ancheta e do Paixonario Toledano),
desenvolvemos unha posta en escena fundamentada no traballo actoral e no teatro de monicreques.
Este foi o punto de partida de Nao d’amores para a creación dun espectáculo que, lonxe de procurar unha posible reconstrución arqueolóxica, pretende desenvolver unha vía de investigación entre rito e teatro, contido teolóxico e reflexión persoal.

0 comentarios:

Entradas populares